domingo, 26 de octubre de 2014

un lugar para soñar...


Os soños parecen baratos, pero non é verdade. Que extesan ao alcance de calquera non significa que se poidan conseguir, quer mediante a forza, quer mediante o interés. Ten que haber tamén paixón e, nomeadamente, a rexa vontade de conseguirlos. E así acontece que cousas pequenas se convirten en grandes cando se combina a paixón polo traballo ben feito e a firmeza dunha idea que, denantes de nada, primeiro foi soñada e pensada. Daquela prodúcese un pequeno milagre. Para o noso caso e nos tempos que corren, un milagre é que exista unha libraria que está fachendosa de cumprir anos e co firme propósito de cumprir moitos máis. Cando resulta frecuente que desaparezan librarias e lugares de cultura letrada, que haxa unha que non só remanece senón que se proxecta vigorosamente cara o porvir, é unha excelente noticia, non só porque sexa un lugar onde hai libros (que xa non é pouco), senón por se tratar dun lugar que intercambia bens tan singulares que, cada un deles, esconde un mundo distinto con que se pode aprender, distraerse, gozar é tamén soñar. Colocados nos seus anaqueis, os libros poden semellar mercaderías coma moitas outras, pero collidos de un a un, son distintos e radicalmente únicos. Porque cada libro, aínda que repita o que o seu autor quixo decir, muda coa ollada e coa lectura do seu leitor. Os libros son como as linguas. Todos xuntos definen unha cultura e mesmo un modo de entender o mundo… Pero os libros vólvense inertes se non logran ter un uso individual. Un libraria é, pois, algo máis do que un armazén de papel e de libros. Ten unha vida propia e mesmo independente do seu dono. Alonga a sua existencia a través de cada libro que sai dela e colle o incerto rumbo a cada lector acaba por lle dar. A libraría [Couceiro] naceu como os grandes rios, de forma silandeira e sen a certeza de ser un ou varios os illós dos que manan as primeiras augas… Neste caso, o arquitecto foi o seu fundador, Suso Couceiro, quen un dia soñou que abrir unha libraria era algo máis do que vender libros.


Ramón Villares