Os soños parecen baratos, pero
non é verdade. Que extesan ao alcance de calquera non significa que se poidan
conseguir, quer mediante a forza, quer mediante o interés. Ten que haber tamén
paixón e, nomeadamente, a rexa vontade de conseguirlos. E así acontece que
cousas pequenas se convirten en grandes cando se combina a paixón polo traballo
ben feito e a firmeza dunha idea que, denantes de nada, primeiro foi soñada e
pensada. Daquela prodúcese un pequeno milagre. Para o noso caso e nos tempos
que corren, un milagre é que exista unha libraria que está fachendosa de
cumprir anos e co firme propósito de cumprir moitos máis. Cando resulta
frecuente que desaparezan librarias e lugares de cultura letrada, que haxa unha
que non só remanece senón que se proxecta vigorosamente cara o porvir, é unha
excelente noticia, non só porque sexa un lugar onde hai libros (que xa non é
pouco), senón por se tratar dun lugar que intercambia bens tan singulares que,
cada un deles, esconde un mundo distinto con que se pode aprender, distraerse,
gozar é tamén soñar. Colocados nos seus anaqueis, os libros poden semellar
mercaderías coma moitas outras, pero collidos de un a un, son distintos e
radicalmente únicos. Porque cada libro, aínda que repita o que o seu autor
quixo decir, muda coa ollada e coa lectura do seu leitor. Os libros son como as
linguas. Todos xuntos definen unha cultura e mesmo un modo de entender o mundo…
Pero os libros vólvense inertes se non logran ter un uso individual. Un
libraria é, pois, algo máis do que un armazén de papel e de libros. Ten unha
vida propia e mesmo independente do seu dono. Alonga a sua existencia a través
de cada libro que sai dela e colle o incerto rumbo a cada lector acaba por lle
dar. A libraría [Couceiro] naceu como os grandes rios, de forma silandeira e
sen a certeza de ser un ou varios os illós dos que manan as primeiras augas… Neste
caso, o arquitecto foi o seu fundador, Suso Couceiro, quen un dia soñou que
abrir unha libraria era algo máis do que vender libros.
Ramón Villares
Imagen: Libraria Couceiro